EVENTOS│PRESENTACIÓN DE "QUINTELA" ➤ El Muelle 1931 Shop (◉‿◉)


 

PRESENTACIÓN DO VINILO "QUINTELA" de CARME LÓPEZ

w/ Carme López (Live) & Chago (Dj)

Sábado 22 Marzo | 17:30 - 21:00 h

📍  ElMuelle1931 Shop (Rúa de San Pedro, 57)

➤ Entrada de balde ata completar aforo

Carme López (O Incio, 1992) presenta na nosa tenda a reedición en vinilo de Quintela, o seu disco debut, publicado orixinalmente en casete polo selo eslovaco Warm Winters Ltd. Nun contexto onde a gaita galega segue ancorada na tradición e no debate sobre a súa identidade, Carme reformula radicalmente as súas posibilidades sonoras, afastándoa das convencións do folclore para levala a un territorio inexplorado. Intérprete, docente e investigadora da música de tradición oral galega, doutorouse pola UDC cunha tese sobre o canto tradicional feminino en Galicia e é profesora na USC e na E-Trad de Vigo.

Quintela explora as posibilidades sonoras da gaita galega ata os seus límites, despregando a súa capacidade para xerar drones hipnóticos e complexas estruturas harmónicas. O uso innovador do aire que percorre o fol, a percusión das palletas ou as resonancias microtonais sitúan a Quintela nun diálogo directo coas prácticas de escoita profunda e transformación tímbrica de figuras como Pauline Oliveros ou Éliane Radigue.
A obra divídese en catro movementos, cun prólogo e un epílogo que funcionan coma ponte entre a linguaxe tradicional do instrumento e a súa reinvención contemporánea. Carme evita os rexistros máis estridentes e marciais da gaita, optando por texturas orgánicas e minimalistas que evocan desde o órgano dunha igrexa ata a síntese modular.

O álbum constrúe unha narrativa arraigada na memoria da Casa Quintela, o fogar familiar da artista, converténdose nunha viaxe sonora que transita entre o recordo e a exploración do descoñecido. Máis que subverter a tradición, Carme López abre para a gaita galega un novo espazo de posibilidades expresivas, expandindo os seus límites e ofrecendo unha visión radicalmente contemporánea. impregnada dunha forte perspectiva de xénero e rompendo coa asociación histórica do instrumento ao prestixio masculino.

Bandcamp:
https://carmelopez.bandcamp.com/album/quintela

*Aforo (moi) limitado!

(◉‿◉)

Follow us / Síguenos

Instagram - @elmuelle1931.shop
Facebook - @ElMuelle1931.shop

Leave a comment